GALEGO

MANIFESTO

MUNICIPIOS POLO CUMPRIMENTO EFECTIVO DO PACTO DE ESTADO EN MATERIA DE VIOLENCIA DE XÉNERO

A violencia machista constitúe unha das máis habituais e flagrantes violacións dos dereitos humanos que se producen nas nosas cidades a día de hoxe. Segundo as cifras oficiais, desde o ano 2003 até a actualidade, 929 mulleres foron asasinadas, e desde o 2013, ano en que comeza o reconto oficial, 24 nenos e nenas foron asasinados e asasinadas pola violencia machista. E estas cifras representan só a punta do iceberg; as asociacións de mulleres documentan un número aínda maior de casos no seu traballo cotián e son centos de miles de mulleres e nenas e nenos sobrevivientes das diferentes formas de violencia machista as que non forman parte das estatísticas oficiais e buscan apoio e protección fronte a estes graves abusos día a día.

O Pacto de Estado en materia de Violencia de Xénero, aprobado o 28 de setembro de 2017 polo Congreso dos Deputados, recoñece as obrigacións das distintas administracións derivadas da normativa española e internacional, particularmente respecto ao Convenio Europeo de prevención e loita contra a violencia contra as mulleres e violencia doméstica, coñecido como o Convenio de Istambul. Esta norma europea fundamental ampliou a actuación de todas as administracións públicas, incluídas as entidades locais, fronte á violencia machista en todas as súas manifestacións: ademais da violencia cometida no ámbito da parella ou ex-parella, inclúense tamén a violencia sexual, o acoso sexual, os matrimonios forzosos e a mutilación xenital feminina, entre outras. E no Pacto de Estado recóllese o compromiso explícito, na medida 204, de establecer financiamento específica para o cumprimento das obrigacións previstas no Convenio de Istambul por parte de todas as administracións públicas.

O Pacto de Estado confire un papel protagonista aos municipios na prevención, detección e atención integral fronte á violencia machista. Así mesmo, establece unha vía de financiamento directo á Administración local. Na súa medida 207 prevé que os Orzamentos Xerais do Estado destinen, vía transferencia directa e finalista, un incremento anual de 20 millóns de euros aos concellos durante o próximos cinco exercicios, incluído o ano 2018.

Os concellos asinantes deste manifesto:

1.- REAFIRMAMOS O NOSO COMPROMISO fronte á violencia machista e comprometémonos a cumprir as medidas establecidas no Pacto de Estado en materia de prevención, detección e atención integral fronte as diferentes manifestacións da violencia machista.

Con todo, manifestamos que para cumprir coas nosas obrigacións nesta materia requirimos que dun marco competencial claro e dun financiamento estable e suficiente que garanta os servizos necesarios de prevención e atención integral nos nosos municipios.

En termos competenciais, a Lei 27/2013, de 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración Local (LRSAL) supón na actualidade un grave impedimento para o cumprimento do Pacto por parte dos concellos, ademais dunha contradición co noso marco competencial de obrigacións establecidas polos marcos internacionais e europeos ratificados por España, así como pola Lei 1/2004 de medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero.

Por outra banda, respecto dos municipios, como institucións públicas máis próximas á cidadanía, a normativa específica e o Pacto de Estado atribúennos o deber de prestar unha atención a mulleres e menores vítimas da violencia machista baixo os estándares de dispoñibilidade, accesibilidade e calidade. Con todo, este reto resulta actualmente difícil de cumprir para a maioría de municipios por carecer dunha estrutura profesional estable que sosteña os programas e servizos de atención adecuados.

2. DENUNCIAMOS que máis de seis meses despois da súa aprobación, os compromisos que deben garantir o cumprimento do Pacto de Estado non se cumpriron:

  • O Congreso dos Deputados non creou a Comisión de Seguimento do Pacto de Estado prevista na medida 208.
  • O Goberno central non presentou os proxectos de lei para acometer as modificacións lexislativas que estalece o Pacto de Estado, entre as cales figura a reforma da Lei 27/2013 de racionalización e sostenibilidade da Administración local recollida na medida 61.
  • O Goberno central non incluíu no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado de 2018 o compromiso económico reflectido no Pacto de Estado. A medida 206 prevé a creación de partidas de 100 e 20 millóns de euros destinadas a mellorar a actuación das administracións autonómica e local, respectivamente.

3. ESIXIMOS:

Ao Congreso dos Deputados:

  • A creación inmediata da Comisión parlamentaria de Seguimento do Pacto de Estado reflectida na medida 208.

Ao Goberno central:

  • Transferir o crédito de 20 millóns anuais previstos para 2018, comprometido na medida 206.A, cuxa finalidade é garantir o cumprimento do Pacto por parte dos municipios a través da prestación de servizos de detección e atención integral.
  • Presentar os proxectos de lei necesarios para acometer as reformas lexislativas contempladas no Pacto de Estado reflectidas nas medidas 85 e 86.3. como condición para o desenvolvemento efectivo e en prazo de todas as medidas comprendidas no Pacto de Estado e para deseñar un marco normativo coherente co Convenio de Istambul.
  • Modificar a Lei 27/2013, de 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local (LRSAL) tal e como se contempla na medida 61, incluíndo como competencia propia dos concellos a promoción da igualdade entre mulleres e homes e a prevención e atención integral fronte á violencia machista.
  • Adoptar as medidas lexislativas e doutra índole que garantan a estabilidade e cualificación dos cadros de persoal que prestan servizos de atención á violencia machista no ámbito municipal e permitan contar con profesionais especializadas e contratadas en igualdade de condicións con respecto ao persoal funcionario.
  • O establecemento dun acordo sobre estándares mínimos para a atención integral municipal ás vítimas das diferentes manifestacións da violencia machista, que leve aparellado un estudo de custos por poboación de face á súa efectiva implantación, co fin de garantir unha resposta adecuada a todas as vítimas de violencia machista con independencia do seu lugar de residencia.

Descargar o manifesto en PDF

Pódese sumar neste FORMULARIO